Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Oroso investirá 115.000 euros no asfaltado da rúa Otero Pedrayo e nas beirarrúas, alumeado e pluviais nas rúas Portiño e Cega


O concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, asistiu á acta de replanteo das obras de asfaltado da rúa Otero Pedrayo e de reparación de beirarrúas, rede de alumeado público e recollida de pluviais nas rúas Portiño e Cega, todas elas no núcleo urbano de Sigüeiro. Unhas obras nas que o Concello de Oroso vai investir preto de 115.000 euros e que teñen un prazo de execución de catro meses, se ben “se o tempo acompaña agardamos que poidan estar rematadas moito antes”, indica Eduardo Veiras.

O Concello de Oroso investirá máis de 89.000 euros na reparación das beirarrúas, da rede de alumeado público e da recollida de augas pluviais das rúas Portiño e Cega, O proxecto inclúe o rebaixado dun tramo de 336 metros de beirarrúas na rúa do Portiño para que todas queden á mesma altura e sexa máis accesible a todos os veciños e veciñas da zona. Unha actuación que terá lugar na marxe dereita da rúa (sentido Trazo) e que inclúe a colocación de 9 novos puntos de luz na rede de alumeado público de tecnoloxía LED. Finalmente, o proxecto inclúe a renovación da recollida de pluviais na zona e a pavimentación en aglomerado da rúa Cega.

Así mesmo, o Concello de Oroso investirá outros 25.000 euros no adecentamento da capa de rodadura da rúa Otero Pedrayo. “É unha das rúas principais do polígono de Sigüeiro”, lembra Eduardo Veiras, “e, aínda que o proxecto conta cun prazo de execución de catro meses, se o tempo acompaña agardamos que as obras poidan estar listas nun par de meses e estar rematadas a finais de abril”.